No ensino de linguas estranxeiras existen unha serie de institucións internacionais que traballan no proceso de ensinanza-aprendizaxe e máis concretamente na certificación de ditas linguas. Algunhas das institucións máis importantes as exporemos a continuación xunto cos enlaces das súas páxinas web oficiais correspondentes:
Nesta entrada imos centrarnos na primeira das anteriores; ALTE, e máis particularmente falaremos da definición que dita asociación fai do concepto de plurilingüismo, posto que consideramos que resulta esencial coñecer este termo e as súas implicacións de cara á docencia dunha lingua estranxeira.
ALTE é a Asociación de Examinadores de Linguas en Europa e o seu principal obxectivo é o de promover unha avaliación ecuánime e precisa da competencia lingüística en Europa e outros continentes. Fundouse no ano 1989 coa implicación da University of Cambridge e a Universidade de Salamanca e a súa misión é a de establecer estándares, apoiar a diversidade lingüística e maximizar o impacto positivo dos exames de certificación. Entre as actividades que desenvolve atopamos cursos de formación, foros e conferencias anuais. Ademais, na súa páxina web atopamos un recurso moi interesante que leva coma título: What is pluricultural assessment? sobre o que nos centraremos na presente entrada deste blog.
O plurilingüismo é un aspecto ao que tamén se fai referencia nas competencias do MCER, entendendo este como as capacidades que permiten a un aprendiz dunha ou varias linguas estranxeiras cambiar dunha lingua ou variedade a outra mediante a comprensión do contexto, a cultura, o uso de recursos paralingüísticos e a apreciación da relación entre as diferentes linguas. Todos estes aspectos resultan fundamentais no momento da aprendizaxe e polo tanto, os futuros docentes debemos saber apreciar a competencia comunicativa do alumnado en base ao enfoque plurilingüe; isto é, valorar como o estudantado se nutre de todas as experiencias e coñecementos lingüísticos da súa primeira lingua e doutras segundas linguas así como a interacción desas linguas entre si. Soamente así, o alumnado será quen de percorrer toda a súa bagaxe lingüística para dar sentido a un feito comunicativo na segunda lingua.
Dende esta perspectiva, a ensinanza-aprendizaxe da lingua ten un propósito maior cá do mero dominio lingüístico, cuxo modelo é ese "falante nativo ideal". O obxectivo é que o alumnado desenvolva un repertorio lingüístico onde exercite todas as destrezas lingüísticas.
Trasladar estas ideas ao campo da docencia implica que se establezan relacións entre as formas de proceder e a forma de comunicarse do aprendiz. Entendemos así que o alumnado plurinlingüe non só traballa as súas habilidades lingüísticas senón que ademais traballa a competencia intercultural. Deste xeito, ese ideal de falante nativo substitúese polo falante plurilingüe e intercultural, que é capaz de realizar tarefas e actividades e solventar diferentes problemáticas a través da interpretación e da tradución. Neste sentido, a linguaxe non verbal tamén xogaría un papel fundamental, isto é, a interpretación dos xestos, que tamén forman parte desa competencia intercultural.
Esta concepción evidencia unha clara necesidade de recoller nas propostas curriculares a competencia plurilingüe e pluricultural. Ademais, o Marco Común Europeo de Referencia propón a utilización do
Portafolio Europeo das Linguas, fomentando que os aprendices poidan rexistrar as experiencias de aprendizaxe noutras linguas e documenten o seu progreso nesa competencia plurilingüe.
Dende a miña perspectiva persoal, os docentes de linguas estranxeiras debemos promover esta aprendizaxe plurilingüe, en primeiro lugar ampliando a nosa propia formación ao respecto co fin de integrar nas nosas clases estratexias de ensino que favorezan o desenvolvemento das citadas competencias e capacidades. Xa o dicía Carlomagno, emperador do Sacro Imperio Romano: "Ter unha segunda lingua é ter unha segunda alma". Nese sentido, os docentes non nativos contamos cunha vantaxe moi importante que é que podemos explicar a lingua estranxeira en base á nosa lingua nativa, o que nos permite establecer unhas estruturas e métodos de ensinanza en relación á lingua nai, podendo así facilitar o proceso de aprendizaxe do alumnado, que aprenderá mediante a correspondencia de termos, ideas e conceptos dende a súa propia lingua á lingua estranxeira.
En definitiva, para que todo isto pase da teoría á práctica educativa real é preciso a implicación das institucións mediante a diversificación da oferta de linguas e tamén que a práctica educativa docente fomente a interdisciplinariedade e a interacción de competencias.
Para pechar esta entrada, gustaríame compartir este vídeo da científica Lera Boroditsky que vén a falar de cómo as linguas poden moldear a nosa forma de pensar. Según Boroditsky a diversidade lingüística é esencial posto que nos revela o inxeniosa e flexible que é a mente humana, "quen de inventar non só un, senón 7000 universos cognitivos".