miércoles, 5 de febrero de 2020

DIDÁCTICA 2: AVALIACIÓN, FEEDBACK E RÚBRICAS

E agora si. Estamos a piques de rematar a materia e tamén a parte teórica deste mestrado para pasar ao mundo real, onde deberemos tratar de aplicar todos os coñecementos aprendidos durante estes meses cun alumnado de verdade. Considero que non podería haber un tema mellor para unha última entrada do blog; os métodos de avaliación e todo o que levan consigo. De feito, tamén no proceso ensinanza - aprendizaxe este aspecto parece ser a fin e a proba concluinte do noso labor docente e o que permite mostrar se o alumnado conseguiu os obxectivos propostos ao inicio do curso. Non obstante, debo dicir, que a medida que foron transcurrindo os días neste mestrado xunto coa miña propia experiencia docente, cada vez estou máis convencida de que a avaliación non é ou non debería ser o eixo central da ensinanza. Durante as últimas décadas, o sistema educativo alimentou esta idea da avaliación onde ao final do curso o único importante para o alumnado era a cualificación obtida, coma se todo o que fixera ata chegar a ese punto carecera de valor e puidera evaporarse como a néboa. 

Estou de acordo coa importancia da avaliación como unha mostra dos resultados e da mellora do alumnado, mais difiro da idea de avaliación tradicional, onde a nota numérica parece ser unha etiqueta cun gran compoñente social e que en absoluto debería definir o valor ou as capacidades reais de cada alumno/-a. 

Todas estas ideas foron conformándose na miña cabeza a medida que estudabamos este tema, polo que antes de continuar coas miñas achegas e reflexións persoais paréceme oportuno pararme un momento a explicar, de xeito breve, as actividades realizadas nestas últimas sesións da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras.

Tras finalizar os contidos teóricos pasamos á práctica, traballando nos mesmos grupos que formaramos ao inicio das sesións. Empregamos o mesmo documento de Drive coa actividade de mediación que crearamos para as primeiras actividades. Neste caso, o noso traballo consistía en crear unha rúbrica axeitada á actividade que elaboraramos ao inicio da materia. A docente resultou de gran axuda neste proceso que era para nós un tanto descoñecido e grazas ás súas apreciacións mediante comentarios do Drive todos os grupos puidemos elaborar unha rúbrica máis ou menos correcta para a avaliación dos nosos hipotéticos estudantes. Como conclusións desta actividade diría que descubrimos que elaborar unha rúbrica é un traballo concienciudo e complexo, ao que hai que dedicar tempo co galo de formular os criterios de avaliación de forma clara e concreta, mais despois de facela, resulta de gran axuda á hora de avaliar e calificar de xeito claro e xustificado. De seguido tedes a nosa proposta de rúbrica para unha actividade oral como era a nosa.

A continuación, dentro dese mesmo documento debíamos seleccionar o tipo de avaliación máis acertada (diagnóstica, formativa ou sumativa) para o noso exemplo. No noso caso, dado que diseñaramos unha actividada de inicio de curso consideramos facer unha avaliación diagnóstica. Non obstante, dentro destes tres tipos de avaliación, sorprendeunos a importancia e valor da avaliación formativa, pois é a única que nos permite monitorizar a aprendizaxe do alumnado co fin de proporcionar un feedback continuo que pode ser empregado tanto polo profesorado (para mellorar a ensinanza) como polo alumnado (para mellorar os procesos de aprendizaxe).

E agora que mencionamos o feedback, probablemente este foi un dos conceptos teóricos dentro do apartado de avaliación que máis chamou a miña atención. Nunha destas últimas sesións visualizamos un vídeo do investigador en materia educativa Dylan William falando sobre o feedback. Do vídeo e das reflexións que tiveron lugar despois quédome principalmente con algunha das ideas que dende a miña perspectiva resultan fundamentais.
  • Resulta importante non alimentar os egos. Alabar pode ter un efecto negativo. É necesario afastarse da parte emocional do feedback. 
  • O bo feedback causa un pensamento efectivo.
  • Os comentarios deben estar orientados a especificar o que o alumnado debe mellorar e sobre todo como debe facelo. 
Toda esta información pareceume moi valiosa para o noso futuro labor docente. De feito, esta concepción sobre o feedback fíxome reflexionar sobre a miña propia práctica educativa ao longo destes anos e sorprendinme ao darme de conta que cometera moito erros nesta materia, especiamente no que respecta a evitar esa parte emocional nas valoracións. Considero que ás veces no meu afán por motivar ao meu alumnado pode ser que alabase en exceso algunhas das súas actuacións. Isto tamén levoume a reflexionar sobre a miña propia recepción do feedback como estudante. Sempre fun unha alumna de sobresalientes e tan acostumada como estaba a recibir comentarios positivos, resultaba extremadamente duro e traumático para min recibir calquera tipo de crítica, aínda que esta fora construtiva. Crearase en min unha especie de dependencia desas valoracións e sentíame moi frustrada cando algún/ha profesor/-a máis esixente non me reforzaba positivamente de contado. En consecuencia, a partir de agora prestarei moita atención a este aspecto para non provocar ese tipo de frustración ou dependencia no meu alumnado. Se ben é certo que creo que é importante motivar ao alumnado e facerlles ver o que fan ben, tamén é certo que nada é bo en exceso e as consecuencias poden volverse negativas no tempo.

Deixo a ligazón do vídeo a continuación por se algún de vós quixera volver a el nalgún momento e extraer as vosas propias conclusións ao respecto.


Xa para finalizar gustariame agradecervos a tod@s polas vosas achegas nos blogs posto que coido que creamos un espazo moi enriquecedor onde aportar ideas sobre os novos métodos de ensinanza. Espero que todos estes conceptos poidan ser levados á práctica pola maioría de nós para cambiar dunha vez por todas o modelo educativo tradicional que tanto aborrecemos como estudantes.

Grazas de novo e apertas a tod@s!



Tania Rodríguez Braga

DIDÁCTICA 1: A MEDIACIÓN LINGÜÍSTICA, A COMPRENSIÓN LECTORA E A PRODUCIÓN ESCRITA NA AULA

Durante as primeiras sesións da materia de Didáctica da Ensinanza en Linguas Estranxeiras traballamos un aspecto novedoso que se está comezando a implementar no modelo educativo actual: a mediación lingüística. Esta enténdese primordial no proceso ensinanza aprendizaxe, especialmente no que respecta á materia de Linguas Extranxeiras. Non obstante, a mediación na ensinanza é un concepto moi recente, que se introduciu no currículo no ano 2017, ligada ás competencias chave. Por todo isto, resulta de grande importancia que o futuro profesorado coma nós estea familiarizado con este elemento co fin de favorecer á interculturalidade na aula. 


Como ben sabemos, tanto pola nosa experiencia estudantil coma docente, o modelo de ensinanza basado nas famosas catro destrezas (writing, listening, speaking e reading) non resulta eficiente e estase a quedar desfasado. Na actualidade preténdese avanzar cara a un modelo máis basado na mestura de linguas, entendendo que estas non se almacenan nas mentes do alumnado en compartimentos independentes, senón que existe unha continua interacción e asociación entre elas. Nese sentido, a mediación desempeña un papel fundamental, tal como podemos observar na anterior imaxe, extraída da presentación da docente na primeira sesión, onde tamén mencionamos os enfoques máis específicos dados polo MCER e o Companion Volume. Ambos concordan nunha visión máis orientada á acción (o alumnado debe comprender a utilidade do que aprende) e tamén na importancia da mediación cultural (intracultural e intercultural).

Unha vez tratados os aspectos teóricos previos, nesta primeira sesión da materia traballamos de forma práctica, en grupos, analizando diferentes actividades de mediación, cuxas conclusións exporiamos ao resto da clase ao finalizar. Algunhas das preguntas que tivemos que responder foron:

-É unha mediación escrita ou oral?
-De que tipo de mediación se trata?
-Cal é o obxectivo da tarefa?
-Por que mediar?
-Menciona as características do texto fonte.

O primeiro exercicio a analizar foi un cartel turístico sobre unha viaxe aos Ancares, para a continuación pasar a analizar unha situación máis complexa onde proporíamos ao alumnado que se imaxinasen que teñen que facer de guías turísticos para os seus amigos, comentando aspectos relevantes sobre a cidade. Dende a miña perspectiva, esta actividade foi unha boa forma de abordar de forma práctica os contidos sobre a mediación, posto que este concepto era en xeral descoñecido para a maior parte de nós e resulta de gran axuda telo presente se pensamos na nosa futura labor docente.

Despois desta actividade de quecemento comezamos coa parte de produción propia. Traballamos en grupos de 3 e 4 persoas creando unha actividade de mediación que compartiríamos nun documento de Drive colectivo coa totalidade da clase. Tras realizar dita actividade presentámola ao resto de compañeiros. No noso caso elaboramos unha actividade de inicio de curso, que tiña como obxectivo coñecer o perfil plurilingüe do grupo aula, pensado para 4º da ESO.

Volveriamos a empregar esta mesma actividade al longo das seguintes sesións para continuar ampliandoa cos novos contidos; incluiriamos no mesmo documento as rúbricas para a actividade e os métodos de avaliación. Resultou novamente de gran utilidade plantexarnos estes conceptos en torno á mediación.

Unha vez finalizados os contidos sobre a mediación, pasamos ás actividades de comprensión oral, interacción e comprensión escrita. No noso caso traballamos a temática dos correos electrónicos e para levalo á práctica na aula decidimos deseñar unha proposta de sesión que consistía en contactar con outro centro en Inglaterra e establecer un intercambio de correos entre o alumnado dos dous centros. Deste xeito, a actividade de escritura sería real e motivaría máis ao alumnado para mellorar tanto a comprensión lectora coma escrita.

Para finalizar esta entrada gustaríame facer unha breve reflexión sobre o meu propio proceso de aprendizaxe durante o transcurso das sesións nesta materia. Como xa mencionei anteriormente, a mediación lingüística era un elemento descoñecido para min e nunca me parara a pensar na importancia que esta ten para o alumnado. Efectivamente, un bo docente debe ser consciente do plurilingüismo presente na comunidade e no grupo aula no que se atopa, o que favorecerá á converxencia das diferentes linguas na aula dun xeito adecuado e ademais permitirá realizar actividades de mediación intercultural que son fundamentais para a aprendizaxe plena do alumnado.

Outro aspecto que me pareceu de grande interese foi a idea de facer da comprensión lectora e escrita algo máis dinámico e divertido. Nas actividades orais é máis doado pensar xeitos de presentar as tarefas ao alumnado dun xeito atractivo, posto que contamos cunha gran variedade de material audiovisual favorecido polo desenvolvemento das redes sociais. Non obstante, a comprensión lectora e escrita é esa parte da materia que parece estar anclada no pasado, nunha mera reprodución de estándares previamente dados polos manuais tradicionais. Creo que todo isto debe cambiar canto antes. Resulta de vital importancia adoptar metodoloxías construtivistas nas nosas aulas onde a aprendizaxe sexa algo que o alumnado perciba como útil e de interese para a súa vida diaria e para o seu futuro. Empregar a mediación ou actividades de comprensión que partan da realia con obxectivos claros e concretos pode mellorar e case transformar por completo o modelo de educación actual, que dende a miña perspectiva, tendo en conta á miña experiencia profesional como docente, aínda segue a ser moi deficiente. Por isto, considero que é a nosa responsabilidade como futuro profesorado pasar desta mera teoría á implantación real de todos estes conceptos e metodoloxías.

Por último, gustaríame compartir con vós a ligazón dun sitio web para a realización de writings dun xeito creativo e dinámico. Talvez vos resulte de axuda.


Sorte!