O MCER (Marco Común Europeo de Referencia) funciona como unha ferramenta de estandarización, tal como comentabamos na nosa anterior entrada do blog (TEMA 2) e como dita ferramenta, establece unha serie de competencias para os usuarios "co fin de realizar as tarefas e actividades que se requiren para abordar as situacións comunicativas [...] desenvolvidas no curso da súa experiencia previa". Así pois o MCER fai unha distinción entre competencias xerais e competencias comunicativas da lingua. Nesta publicación centrarémonos nas primeiras e moi concretamente no coñecemento declarativo (saber) que comprende o coñecemento do mundo, o coñecemento sociocultural e a consciencia intercultural. A partir desta, presentaremos un modelo de clase de lingua estranxeira (inglés) na que se trate o tema dos estereotipos na aula, asunto de vital importancia cando falamos da relación entre "mundo de orixe" e "mundo da comunidade obxecto de estudio" posto que o enfoque que como docentes lle demos ás nosas clases en relación á interculturalidade influirá en gran medida na visión que posteriormente se construirá o alumnado en relación a outras culturas.
MODELO DE CLASE DE INGLÉS
Materia: Inglés (lingua estranxeira)
Duración da sesión: 60 minutos
Nivel: 2º de Bacharelato (B1/B2)
Número de alumnos/-as: 25
Número de alumnos/-as: 25
Temática: Stereotypes
Momento do curso: finais do segundo trimestre
Momento do curso: finais do segundo trimestre
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
Coma docentes dunha lingua estranxeira consideramos primordial o tratamento dos estereotipos co obxectivo de que o alumnado recoñeza o contexto sociocultural da lingua de aprendizaxe, evitando así que se creen imaxes distorsionadas moi lonxe da realidade. Esta sesión pretende enriquecer a visión do alumnado e eliminar falsas crenzas e estereotipos.
1- INICIO DA SESIÓN (WARM UP)
A modo de quecemento e co fin de identificar o coñecemento previo do alumnado, realizamos unha actividade sinxela; unha especie de xogo de detección de prexuizos. Levamos 10 fotografías de persoas variopintas; distintas nacionalidades, estilos de vida, profesións... Isto requerirá pola nosa parte coma docentes un pequeno traballo previo de recopilación e investigación. Podemos empregar fotos de persoas reais que coñezamos e que se presten a ceder a súa imaxe ou personaxes famosas doutras épocas, máis descoñecidas para o alumnado adolescente de hoxe en día. O obxectivo é que a apariencia física da persoa e a súa nacionalidade/personalidade/profesión non garden relación aparente. Indicámoslle ao alumnado que observe ás persoas das fotos e trate de facer unha breve descrición especulativa delas, sen por suposto dicirlles que o tema da clase trata os estereotipos, (poderíamos traballar cos verbos modais a xeito de repaso); por exemplo:
"Peter might be 34 years old. He might be a writer. He may be from Colombia. He probably has children"
2- DESENVOLVEMENTO
Unha vez o alumnado rematou de facer as súas descricións por escrito, formaranse grupos de 5 persoas e compartirán as súas descricións co resto de membros, para ver se todos seguen os mesmos prexuizos ou se polo contrario formaron ideas diferentes en función das súas crenzas individuais. Finalmente compartiremos as conclusións extraídas de tódolos grupos de xeito colectivo para avaliar os resultados xerais das especulacións. A continuación, desvelaremos a información real das persoas das fotografías e faremos unha comparativa e análise das descricións feitas previamente e as descricións reais. Deste xeito, poderemos analizar os resultados e interpelar ao alumnado, facendo preguntas do tipo Why did you think Peter was a writer? Is it because of his clothes?. Colectivamente sacaremos certas conclusións, que moi probablemente gardarán relación co feito de que as aparencias externas, os prexuizos e os estereotipos teñen unha grande influencia na sociedade e que poden afectar ampliamente a nosa visión das persoas e das situacións en xeral.
3- ACTIVIDADE COMPLEMENTARIA
Co obxectivo de traballar tamén o Listening e para completar á actividade dos estereotipos, mostraremos ao alumnado o seguinte vídeo:
Nel, unha moza americana e outra inglesa falan dos estereotipos das súas nacionalidades e discuten se realmente estes son certos, segundo as súas vivencias persoais. Este listening permitirá ao alumnado decatarse de moitos falsas ideas sobre as culturas da lingua que están estudando e ao mesmo tempo, dende o punto de vista lingüístico poderán escoitar dous acentos diferentes e familiarizarse con eles.
4- FINALIZACIÓN
Por último, para dar por rematada a sesión, enviaremos unha tarefa de traballo autónomo para traer preparada para o próximo día. Tratarase dunha reflexión sobre os estereotipos que cren que existen sobre o seu país ou comunidade autónoma dende o punto de vista doutras nacionalidades. Se hai alumnado doutros países, como moi a frecuentemente acontece, isto enriquecerá máis a actividade da próxima sesión e permitirá extraer conclusións moito máis amplas.
Esperamos que esta entrada do blog vos resultase interesante, especialmente para aqueles docentes aos que vos interese traballar a temática dos estereotipos na aula dun xeito dinámico e interactivo. Dende o meu punto de vista persoal, este tipo de sesións son moi necesarias e deberían estar máis presentes no ensino público, posto que aprender unha lingua non consiste únicamente en saber falala de forma máis ou menos correcta senón tamén en coñecer a sociedade e a cultura desa lingua. Nese sentido, as competencias xerais e máis concretamente o coñecemento declarativo do que fala o MCER paréceme moi interesante e fundamental para formar en valores ás novas xeracións.

