Mostrando entradas con la etiqueta Contexto. Carla Bouzada Jabois.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contexto. Carla Bouzada Jabois.. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de diciembre de 2019

PRESENTACIÓN - MODELO DE CLASE SOBRE ESTEREOTIPOS

Ola a tod@s!

A continuación déixovos a miña presentación para a materia de As Linguas Estranxeira no Contexto Nacional e Internacional que realicei no grupo 2 con Carla. Eu centreime nas competencias do MCER e moi concretamente nas competencias interculturais dun xeito práctico: o deseño dun modelo de clase coa temática dos estereotipos. Na presentación atoparedes unha xustificación teórica da mesma, a contextualización das actividades a realizar na aula atendendo ao Currículo e as miñas conclusións e valoracións persoais dende a miña experiencia e perspectiva docente. 

Espero que vos resulte interesante.

Apertas!

martes, 10 de diciembre de 2019

TEMA 3. AS INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS. ALTE E A IMPORTANCIA DO PLURILINGÜISMO.

No ensino de linguas estranxeiras existen unha serie de institucións internacionais que traballan no proceso de ensinanza-aprendizaxe e máis concretamente na certificación de ditas linguas. Algunhas das institucións máis importantes as exporemos a continuación xunto cos enlaces das súas páxinas web oficiais correspondentes:


Nesta entrada imos centrarnos na primeira das anteriores; ALTE, e máis particularmente falaremos da definición que dita asociación fai do concepto de plurilingüismo, posto que consideramos que resulta esencial coñecer este termo e as súas implicacións de cara á docencia dunha lingua estranxeira.

ALTE é a Asociación de Examinadores de Linguas en Europa e o seu principal obxectivo é o de promover unha avaliación ecuánime e precisa da competencia lingüística en Europa e outros continentes. Fundouse no ano 1989 coa implicación da University of Cambridge e a Universidade de Salamanca e a súa misión é a de establecer estándares, apoiar a diversidade lingüística e maximizar o impacto positivo dos exames de certificación. Entre as actividades que desenvolve atopamos cursos de formación, foros e conferencias anuais. Ademais, na súa páxina web atopamos un recurso moi interesante que leva coma título: What is pluricultural assessment? sobre o que nos centraremos na presente entrada deste blog.

O plurilingüismo é un aspecto ao que tamén se fai referencia nas competencias do MCER, entendendo este como as capacidades que permiten a un aprendiz dunha ou varias linguas estranxeiras cambiar dunha lingua ou variedade a outra mediante a comprensión do contexto, a cultura, o uso de recursos paralingüísticos e a apreciación da relación entre as diferentes linguas. Todos estes aspectos resultan fundamentais no momento da aprendizaxe e polo tanto, os futuros docentes debemos saber apreciar a competencia comunicativa do alumnado en base ao enfoque plurilingüe; isto é, valorar como o estudantado se nutre de todas as experiencias e coñecementos lingüísticos da súa primeira lingua e doutras segundas linguas así como a interacción desas linguas entre si. Soamente así, o alumnado será quen de percorrer toda a súa bagaxe lingüística para dar sentido a un feito comunicativo na segunda lingua.

Dende esta perspectiva, a ensinanza-aprendizaxe da lingua ten un propósito maior cá do mero dominio lingüístico, cuxo modelo é ese "falante nativo ideal". O obxectivo é que o alumnado desenvolva un repertorio lingüístico onde exercite todas as destrezas lingüísticas.

Trasladar estas ideas ao campo da docencia implica que se establezan relacións entre as formas de proceder e a forma de comunicarse do aprendiz. Entendemos así que o alumnado plurinlingüe non só traballa as súas habilidades lingüísticas senón que ademais traballa a competencia intercultural. Deste xeito, ese ideal de falante nativo substitúese polo falante plurilingüe e intercultural, que é capaz de realizar tarefas e actividades e solventar diferentes problemáticas a través da interpretación e da tradución. Neste sentido, a linguaxe non verbal tamén xogaría un papel fundamental, isto é, a interpretación dos xestos, que tamén forman parte desa competencia intercultural.

Esta concepción evidencia unha clara necesidade de recoller nas propostas curriculares a competencia plurilingüe e pluricultural. Ademais, o Marco Común Europeo de Referencia propón a utilización do Portafolio Europeo das Linguas, fomentando que os aprendices poidan rexistrar as experiencias de aprendizaxe noutras linguas e documenten o seu progreso nesa competencia plurilingüe.

Dende a miña perspectiva persoal, os docentes de linguas estranxeiras debemos promover esta aprendizaxe plurilingüe, en primeiro lugar ampliando a nosa propia formación ao respecto co fin de integrar nas nosas clases estratexias de ensino que favorezan o desenvolvemento das citadas competencias e capacidades. Xa o dicía Carlomagno, emperador do Sacro Imperio Romano: "Ter unha segunda lingua é ter unha segunda alma". Nese sentido, os docentes non nativos contamos cunha vantaxe moi importante que é que podemos explicar a lingua estranxeira en base á nosa lingua nativa, o que nos permite establecer unhas estruturas e métodos de ensinanza en relación á lingua nai, podendo así facilitar o proceso de aprendizaxe do alumnado, que aprenderá mediante a correspondencia de termos, ideas e conceptos dende a súa propia lingua á lingua estranxeira.

En definitiva, para que todo isto pase da teoría á práctica educativa real é preciso a implicación das institucións mediante a diversificación da oferta de linguas e tamén que a práctica educativa docente fomente a interdisciplinariedade e a interacción de competencias.

Para pechar esta entrada, gustaríame compartir este vídeo da científica Lera Boroditsky que vén a falar de cómo as linguas poden moldear a nosa forma de pensar. Según Boroditsky a diversidade lingüística é esencial posto que nos revela o inxeniosa e flexible que é a mente humana, "quen de inventar non só un, senón 7000 universos cognitivos".

martes, 26 de noviembre de 2019

TEMA 4. AS COMPETENCIAS DO MCER E COMO TRATAR OS ESTEREOTIPOS NA AULA.

O MCER (Marco Común Europeo de Referencia) funciona como unha ferramenta de estandarización, tal como comentabamos na nosa anterior entrada do blog (TEMA 2) e como dita ferramenta, establece unha serie de competencias para os usuarios "co fin de realizar as tarefas e actividades que se requiren para abordar as situacións comunicativas [...] desenvolvidas no curso da súa experiencia previa". Así pois o MCER fai unha distinción entre competencias xerais e competencias comunicativas da lingua. Nesta publicación centrarémonos nas primeiras e moi concretamente no coñecemento declarativo (saber) que comprende o coñecemento do mundo, o coñecemento sociocultural e a consciencia intercultural. A partir desta, presentaremos un modelo de clase de lingua estranxeira (inglés) na que se trate o tema dos estereotipos na aula, asunto de vital importancia cando falamos da relación entre "mundo de orixe" e "mundo da comunidade obxecto de estudio" posto que o enfoque que como docentes lle demos ás nosas clases en relación á interculturalidade influirá en gran medida na visión que posteriormente se construirá o alumnado en relación a outras culturas.


MODELO DE CLASE DE INGLÉS 

Materia: Inglés (lingua estranxeira)
Duración da sesión: 60 minutos
Nivel: 2º de Bacharelato (B1/B2)
Número de alumnos/-as: 25
Temática: Stereotypes
Momento do curso: finais do segundo trimestre

OBXECTIVOS DIDÁCTICOS

Coma docentes dunha lingua estranxeira consideramos primordial o tratamento dos estereotipos co obxectivo de que o alumnado recoñeza o contexto sociocultural da lingua de aprendizaxe, evitando así que se creen imaxes distorsionadas moi lonxe da realidade. Esta sesión pretende enriquecer a visión do alumnado e eliminar falsas crenzas e estereotipos.

1- INICIO DA SESIÓN (WARM UP)

A modo de quecemento e co fin de identificar o coñecemento previo do alumnado, realizamos unha actividade sinxela; unha especie de xogo de detección de prexuizos. Levamos 10 fotografías de persoas variopintas; distintas nacionalidades, estilos de vida, profesións... Isto requerirá pola nosa parte coma docentes un pequeno traballo previo de recopilación e investigación. Podemos empregar fotos de persoas reais que coñezamos e que se presten a ceder a súa imaxe ou personaxes famosas doutras épocas, máis descoñecidas para o alumnado adolescente de hoxe en día. O obxectivo é que a apariencia física da persoa e a súa nacionalidade/personalidade/profesión non garden relación aparente. Indicámoslle ao alumnado que observe ás persoas das fotos e trate de facer unha breve descrición especulativa delas, sen por suposto dicirlles que o tema da clase trata os estereotipos, (poderíamos traballar cos verbos modais a xeito de repaso); por exemplo:

"Peter might be 34 years old. He might be a writer. He may be from Colombia. He probably has children"

2- DESENVOLVEMENTO

Unha vez o alumnado rematou de facer as súas descricións por escrito, formaranse grupos de 5 persoas e compartirán as súas descricións co resto de membros, para ver se todos seguen os mesmos prexuizos ou se polo contrario formaron ideas diferentes en función das súas crenzas individuais. Finalmente compartiremos as conclusións extraídas de tódolos grupos de xeito colectivo para avaliar os resultados xerais das especulacións. A continuación, desvelaremos a información real das persoas das fotografías e faremos unha comparativa e análise das descricións feitas previamente e as descricións reais. Deste xeito, poderemos analizar os resultados e interpelar ao alumnado, facendo preguntas do tipo Why did you think Peter was a writer? Is it because of his clothes?. Colectivamente sacaremos certas conclusións, que moi probablemente gardarán relación co feito de que as aparencias externas, os prexuizos e os estereotipos teñen unha grande influencia na sociedade e que poden afectar ampliamente a nosa visión das persoas e das situacións en xeral.

3- ACTIVIDADE COMPLEMENTARIA

Co obxectivo de traballar tamén o Listening e para completar á actividade dos estereotipos, mostraremos ao alumnado o seguinte vídeo:



Nel, unha moza americana e outra inglesa falan dos estereotipos das súas nacionalidades e discuten se realmente estes son certos, segundo as súas vivencias persoais. Este listening permitirá ao alumnado decatarse de moitos falsas ideas sobre as culturas da lingua que están estudando e ao mesmo tempo, dende o punto de vista lingüístico poderán escoitar dous acentos diferentes e familiarizarse con eles.


4- FINALIZACIÓN 

Por último, para dar por rematada a sesión, enviaremos unha tarefa de traballo autónomo para traer preparada para o próximo día. Tratarase dunha reflexión sobre os estereotipos que cren que existen sobre o seu país ou comunidade autónoma dende o punto de vista doutras nacionalidades. Se hai alumnado doutros países, como moi a frecuentemente acontece, isto enriquecerá máis a actividade da próxima sesión e permitirá extraer conclusións moito máis amplas.

Esperamos que esta entrada do blog vos resultase interesante, especialmente para aqueles docentes aos que vos interese traballar a temática dos estereotipos na aula dun xeito dinámico e interactivo. Dende o meu punto de vista persoal, este tipo de sesións son moi necesarias e deberían estar máis presentes no ensino público, posto que aprender unha lingua non consiste únicamente en saber falala de forma máis ou menos correcta senón tamén en coñecer a sociedade e a cultura desa lingua. Nese sentido, as competencias xerais e máis concretamente o coñecemento declarativo do que fala o MCER paréceme moi interesante e fundamental para formar en valores ás novas xeracións. 

lunes, 25 de noviembre de 2019

TEMA 2. REFLEXIÓN SOBRE O MCER E AS FERRAMENTAS DE ESTANDARIZACIÓN DE LINGUAS

Se falamos de ferramentas de estandarización, sabemos que o MCER (Marco Común Europeo de Referencia), se ben non pretende selo, tal como establece nas sáus bases, cando menos na actualidade funciona coma ferrramenta de referencia, chegando a converterse na actualidade na principal base para o ensino dunha lingua estranxeira.



Non se pode cuestionar o feito de que o MCER naceu co obxectivo de facilitar a cooperación entre os países membros da Unión Europea e que a existencia dun marco de referencia obxectivo entre países promove unha mellora na planificación da programación, a movilidade e a comunicación internacional. Non obstante, nesta publicación gustaríame afondar un pouco máis neste tipo de ferramentas de estandarización e dar á miña perspectiva como profesora de linguas en academias de idiomas, onde o MCER converteuse nunha especie de libro sagrado que non se pode obviar en ningún caso, sen importar as necesidades específicas do alumnado ou o criterio persoal do docente.

Levo traballando en academias (principalmente de inglés) máis de seis anos e por norma xeral, o MCER é a base do ensino neste tipo de centros privados. No meu caso, traballei preparando alumnado de tódalas idades segundo os dous exames máis coñecidos na actualidade en España, os famosos Cambridge e Trinity, programas creados polas dúas famosas correspondentes universidades. As academias traballan deste xeito con libros específicos que recollen todo tipo de estratexias, modelos de exame e materiais audiovisuais para preparar adecuadamente ós/ás canditatos/-as co fin de obter a preciadísima certificación de nivel do idioma, nivel que vén establecido evidentemente segundo o Marco Común Europeo de Referencia.

Programacións específicas, libros, Cds, master classes, teacher training... É innegable que a existencia deste tipo de exames e certificacións supón un moi bo negocio para as institucións privadas. De feito, soamente para poder acceder a un destes exames o alumnado debe pagar taxas de entre 60 e 200 euros, dependendo do nivel ao que desexa presentarse. Todo isto sen contar os gastos en materiais e academias para a preparación de dito exame.












É verdadeiramente necesario pasar por este proceso? Desafortunadamente para moitas persoas, parece ser que si. España é un dos países de Europa onde máis se padece o mal da "titulitis", isto é, se non tes un cerfificado oficial que demostre que sabes facer algo, á ollos externos simplemente significa que non sabes facelo. Na actualidade, se desexas acceder a calquera posto de traballo, precisas presentar o teu certificado de nivel B2 ou ás veces, máis concretamente a certificación específica de Cambridge, TOEFL, IELTS, Trinity...

A pesar de que non considero que un exame poida demostrar todo o coñecemento e capacidades do alumnado, podo comprender a necesidade desta acreditación e a súa utilidade nun contexto máis adulto, sen embargo, o que realmente me preocupa e que cada vez con máis frecuencia a aprendizaxe dunha lingua estranxeira está supeditada case exclusivamente á adquisición dun título, incluso en idades moi tempranas. De feito, nunha das academias nas que estiven traballando, adicábanse única e exclusivamente á preparación do alumnado para o exame Trinity, dende os 4 ou 5 anos de idade ata adultos. En ocasións, era moi frustante como profesora ter que seguir as preguntas tipo de Trinity con nenos e nenas de menos de 6 anos, que normalmente o único que esperaban da clase extraescolar de inglés era aprender divertíndose. Os cativos e cativas convertíanse en "loritos de repetición", memorizando estruturas concretas que debían reproducir á perfección nun exame final dun enviado de Trinity cun forte acento British bastante complexo. Paréceme un tanto excesivo comezar a preparar para este tipo de exames a rapaces e rapazas tan novos/-as posto que con este tipo de métodos corremos o risco de caer no modelo de ensino tradicional, mesmo se empregamos en gran medida a linguaxe oral (algo que na escola tradicional ata o de agora non se facía), o alumnado non aprende de forma autónoma e a creatividade prácticamente non ten lugar na aula. Considero que isto pode dar lugar á perda do interese por parte do alumnado máis novo, sentindo a lingua como un proceso meramente memorístico e por que non dicilo, un tanto artificial. Na miña opinión, unha lingua estranxeira debe verse e ensinarse como un vehículo que nos permita comunicarnos entre culturas e resolver situacións reais de forma esencialmente práctica. De feito, eu coma docente valoro moito máis a capacidade de improvisación e de resolución de problemas do alumnado en certas situacións de comunicación que que saiba responder cunha estrutura correcta do present perfect a unha pregunta estereotipada elaborada por Trinity; que non digo que estea mal, pero as situacións da vida real ás que se terá que enfrentar o alumnado non veñen cunha rúbrica de Cambridge ou Trinity embaixo do brazo.

En definitiva, comprendo a necesidade dun Marco de Referencia para o nivel de linguas e este pode resultar moi útil en moitos contextos, incluido na elaboración da programación feita polos docentes así como o establecemento de certos obxectivos e criterios de avaliación. Non obstante, paréceme imprescindíbel non esquecer que a aprendizaxe dunha lingua non debe limitarse a adquisición dunha certificación, especialmente en idades máis tempranas. Tamén é necesario ser conscientes das estratexias de marketing e a gran influencia exercida polas institucións privadas co obxectivo de vender as linguas como un produto. Só deste xeito poderemos co tempo, librarnos desa "titulitis" da que falabamos e comezar a valorar a aprendizaxe polo que realmente é: o proceso de adquisición duns coñecementos, habilidades, actitudes e valores e non a simple memorización de conceptos.


domingo, 24 de noviembre de 2019

TEMA 1. A EVOLUCIÓN DA ENSINANZA DE LINGUAS ESTRANXEIRAS EN ESPAÑA


A evolución no ensino de linguas estranxeiras no noso país non pode entenderse sen antes ter en conta a gran cantidade de modificacións que se deron nas leis educativas, principalmente motivadas polo cambio de partido que estea no goberno nese momento. Así, dende os anos setenta ata a actualidade, o sistema educativo estivo a sufrir importantes cambios lexislativos, coa implantación e revogación de distintas leis, dende a LGE, pasando pola LOECE, a LOGSE, a LOCE, a LOE e finalmente a LOMCE. Isto xenerou e xenera unha grande inestabilidade educativa, posto que os gobernantes non deixan pasar o tempo necesario para a posta en marcha real desas novas medidas e non permite comprobar se efectivamente un sistema resulta máis ou menos eficiente.

No que abrangue máis concretamente ao ensino de linguas estranxeiras, dende a LOGSE promoveuse a implantación da lingua estranxeira (fundamentalmente o inglés) a idades tempranas, chegando incluso nos últimos anos a incorporarse en etapas de Educación Infantil. Non obstante, seguimos a apreciar un gran déficit cualitativo na aprendizaxe dos idiomas estranxeiros en España. Tendo en conta toda esta contextualización previa, nesta entrada reflexionaremos en torno ao seguinte dilema:  por que segue a ser deficitario o ensino de linguas estranxeiras na actualidade?

Tratarei de enfocar a miña reflexión dende dúas perspectivas diferentes que me tocan moi de preto. Por unha banda, a miña perspectiva como alumna apaixonada polas linguas e por outra, a miña opinión dende a miña experiencia como docente nos últimos anos.

Como alumna, durante o meu período escolar, padecín na miña pel os numerosos cambios nais leis de educación, e non obstante, non apreciei ningún cambio significativo na miña aprendizaxe. Máis ben todo o contrario. O modelo de ensino tradicional acompañoume durante toda a miña vida e o caso das linguas estranxeiras non foi unha excepción. Tal vez o único momento no que se empregou un método máis innovador foi nos primeiros cursos de primaria, onde unha profesora moi nova trataba de facer con nós xogos e actividades máis interactivas en inglés. A excepción deste caso, as miñas leccións de inglés, na meirande parte dos casos eran impartidas por docentes que as veces nin sequera sabían falar inglés con fluidez e onde os contidos impartíanse sempre en castelán. A gramática era o foco; exercicios e máis exercicios do famoso workbook, listenings sacados dun ancián reprodutor de CDs e a conversación na aula ou as actividades orais eran prácticamente inexistentes. Lembro que sempre me gustaran as linguas e que sen embargo, prácticamente ata chegar á universidade apenas tivera a ocasión de falar en inglés na aula. Así, podía recitar de memoria todos os aspectos gramaticais da lingua inglesa mais era totalmente incapaz de falar con fluidez en inglés, posto que ninguén mo pedira anteriormente. Debido a isto, aqueles que queríamos mellorar as nosas competencias orais en inglés tiñamos que acudir a academias de idiomas en horario extraescolar e non porque necesitásemos mellorar as nosas notas, senón porque queríamos aprender algo que parecía imposible que se nos fose a ensinar no instituto. É innegable que algo estaba a fallar no modelo educativo de entón cando o alumnado que realmente sentiamos interese polas linguas viámonos obrigados a buscar fóra da escola os recursos necesarios para ser competentes nelas. En relación a todo isto, considero que o vídeo do rapeiro estadounidense Prince Ea que mostramos á continuación reflexa á perfección a problemática dos modelos educativos vixentes, non só a nivel nacional, senón en todo o mundo.



Unha vez rematada á miña carreira de Tradución e Interpretación, na cal por certo tiven grandes dificultades nos primeiros anos debido a un nivel de idiomas insuficiente, a cousa non mellorou. Comecei a traballar xustamente en academias de idiomas onde rapaces e rapazas de tódalas idades acudían a nós para poder traballar o inglés dun xeito máis interactivo e ameno. Isto fixo que me decatase de que o modelo empregado realmente non cambiara nos cinco anos que estiven estudando a carreira e que as novas xeracións estaban e aínda están a vivir unha situación moi similar á que vivín eu daquela.

En definitiva, paréceme imprescindible a posta en práctica de novas técnicas de ensinanza en tódalas materias e moi especialmente no ensino de linguas estranxeiras, posto que se ben na teoría existe un Currículo educativo que respalda un modelo de educación máis centrado nas necesidades específicas e reais do alumnado, así como na interdisciplinariedade; na práctica parece que aínda queda un longo camiño que percorrer para a implantación real destas técnicas innovadoras. Non é doado, mais coido que co traballo conxunto do goberno, os centros e un equipo docente motivado, poderá conseguirse una auténtica mellora do sistema educativo tal como o coñecemos.

Ligazón de referencia - Leis de Educación: http://todofp.es/profesores/biblioteca-todofp/normativa-de-educacion/leyes-organicas-de-educacion.html