martes, 7 de enero de 2020

TEMAS 7 E 8 - COMENTARIO DE PRESENTACIÓNS

Para finalizar coa materia falarei dos temas 7 e 8 desta. O tema 7 centrábase nas seccións bilingües e plurilingües, así como a metodoloxía CLIL/AICLE e os Proxectos Lingüísticos de Centro (PLC). Pola súa parte, o tema 8 falaba das linguas estranxeiras de xeito global, é dicir, as experiencias educativas de Europa e de fóra de Europa.  Para facer isto, na presente entrada realizarei un comentario sobre algunhas das exposicións dos meus compañeiros e compañeiras tratando as citadas temáticas, entre outras. 

A primeira exposición que comentarei leva como título Diferenzas na Ensinanza de Linguas Estranxeiras nas Comunidades Autónomas de España e podédela visualizar premendo no mesmo. Foi realizada pola compañeira Ana Mª González Vázquez con moita precisión e aportando información moi relevante ao respecto. Valorei especialmente a súa capacidade de concisión na elección dos contidos, posto que se trataba dunha temática moi ampla, difícil de resumir nun tempo tan reducido e considero que o fixo de forma moi acertada.


Co que respecta máis concretamente aos contidos, Ana chegou a unhas conclusións moi interesantes que cómpre resaltar. En primeiro lugar e a modo de contextualización falou do marco legal relativo a esta temática, destacando o artigo 3.3 da Constitución Española onde se estipula que "a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección". Tamén mencionou os Estatutos de Autonomía galego, vasco, valenciano, catalán e balear que teñen como obxectivo fomentar e protexer a pluralidade lingüística española. Tomando como base a lexislación vixente e explicando a diferenza por comunidades expuxo a problemática: actualmente, estase a producir un gran aumento do uso do castelán nas rexións con linguas minoritarias e á súa vez, a expansión dos modelos trilingües (castelán, inglés e unha lingua minoritaria) está a entorpecer a aprendizaxe das linguas minoritarias. Outros problemas que deduciu da ensinanza bilingüe é a falta de implicación dos axentes educativos, a pouca formación do profesorado e a grande disparidade entre comunidades. Como conclusión xeral da súa presentación creo que se podería dicir que se ben a ensinanza bilingüe e plurilingüe abre canles de comunicación co resto de Europa, o xeito de implementala resulta aínda moi deficitario, provocando a perda da riqueza lingüística (todo se traduce), a segregación e a desinformación das familias. En definitiva, unha exposición moi clara e interesante e concordo totalmente con Ana cando di que a mellora real será aquela que veña da man da aceptación da diversidade e da convivencia. 

A segunda exposición da que falarei será a da compañeira Ana Touriño Gallardo cuxa temática foi a dos Programas da UE para o fomento e mellora na aprendizaxe-ensinanza de linguas (premer para ir á presentación). 

Desta exposición destacaría principalmente o traballo de compilación realizado, posto que existen moitos programas europeos para a aprendizaxe de linguas e creo que soubo recoller os máis importantes e aportou información de cada un deles de xeito breve, o que nos permitiu facernos unha idea xeral de cada programa sen chegar á confusión ou a que resultase monónoto, misión sen dúbida moi dificultosa debido ao gran carácter burocrático da temática da presentación. Non obstante, Ana saliu airosa de dita misión, conseguindo captar o noso interese. Tamén falou dos obxectivos europeos para acadar o multilingüismo e ante isto debo dicir que me sorprendeu de forma negativa coñecer a porcentaxe da cidadanía europea que tan só falan unha ou ningunha lingua estranxeira, por non mencionar a situación en España, todavía moi lonxe de acadar as porcentaxes de países coma Finlandia, Estonia ou Luxemburgo. En definitiva, unha exposición moi pertinente e de grande interese xeral para nós como futuros docentes de linguas estranxeiras.

Por último, falarei dunha exposición en relación ao último tema, que se centraba nas experiencias educativas noutros países Europeos e tamén de fóra de Europa. Para isto elixín a presentación de Samuel Torres Rey, cuxa temática era A Ensinanza de Linguas Estranxeiras na Ensinanza Regrada nos niveis obrigatorios en Francia


Antes de nada, gustaríame felicitar ao meu compañeiro pola súa capacidade de conexión co espectador. Samuel mostrou unha grande soltura para falar en público grazas ao seu sentido do humor e ao desenfado co que expuxo a súa presentación, sempre sen perder o rigor necesario dunha exposición académica. Isto, xunto cunha temática que coñecía amplamente pola súa experiencia persoal e que ademais resulta moi interesante, fixo que todos e todas estivésemos moi atentos/-as e expectantes en todo momento. 

No relativo ao contido, Samuel explicou en primeiro lugar as distintas etapas educativas en Francia para a continuación falar do currículo educativo francés centrándose nas competencias e nos contidos e sempre comparándoo co currículo español, o que nos permitiu apreciar as múltiples diferenzas claramente.

Dende o meu punto de vista persoal, considero que como futuros docentes debemos coñecer o que se está a facer en materia educativa nos países veciños, posto que isto nos permite adoptar novas técnicas de ensinanza e tamén aprender dos acertos e dos erros doutros sistemas educativos europeos.

En definitiva e xa para concluir, gustaríame felicitar a todos os meus compañeiros e compañeiras  deste mestrado posto que coido que realizaron un gran traballo e foi grazas a eles e elas e as súas aportacións que puidemos desenvolver máis amplamente os temas 7 e 8, que por falta de tempo non puidemos chegar a profundizar máis nas sesións do curso co docente, o que considero unha verdadeira mágoa porque penso que estes temas son moi relevantes e quedaron un pouco concisos.

Non obstante, síntome moi satisfeita co desenvolvemento da materia e sei que botarei de menos traballar co blog, ferramenta que dende logo me plantexo empregar na miña práctica docente futura, posto que se ben non traballara nunca con ela, considero que é un xeito moi ameno e interactivo de revisar os contidos.

                           "Aqueles que saben, fan. Aqueles que comprenden, ensinan". - Aristóteles


Foto: Muhammad e máis eu, Marrocos, Setembro de 2017

Moita sorte e apertas!



Tania

lunes, 6 de enero de 2020

DIARIO TEMA 6 - REFLEXIÓN PERSOAL SOBRE AS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS

No tema 6 da materia tratamos a temática das programacións didácticas actuais en función dos diferentes tipos de ensinanza: ESO, Bacharelato, EOI e FP. Ditas programacións deben seguir unha estrutura común, mais posúen características concretas e únicas en función do centro educativo e tamén dependendo do departamento do centro que se trate. En termos xerais, o principal obxectivo dunha programación didáctica é o de establecer unhas pautas de planificación curricular de xeito que o profesorado poida coordinarse adecuadamente, atendendo ás necesidades do alumnado. Na presente entrada, afondarei un pouco máis nesta temática, aportando unha visión persoal sobre as programacións dende a miña perspectiva como estudante e como docente.

O deseño da programación resulta esencial cando falamos de establecer uns criterios básicos no momento de aplicar as lexislacións vixentes e o establecemento de certos estándares dentro de ditas programacións; como son a descrición do entorno do centro, a xustificación metodolóxica, as competencias clave, os obxectivos, os recursos ou os criterios de avaliación. Así, para os docentes, este documento supón unha especie de folla de ruta na viaxe educativa, o cal pode facilitar a súa tarefa.

A pregunta é longa e complexa: por que no proceso de concurso-oposición é imprescindíbel traballar coas programacións didácticas, as cales son avaliadas rigorosamente por un tribunal mediante unha rúbrica concreta e sen embargo na realidade educativa estas programacións, se ben existen, parecen non estar presentes na práctica dentro das aulas?

A miña experiencia persoal como estudante é que en termos xerais as programacións didácticas nunca chegaban a implementarse na súa totalidade e se funcionaban era meramente coma unha especie de guía, mais non constituía en ningún caso a base do proceso ensinanza-aprendizaxe. Máis tarde, como docente en academias de idiomas e clases particulares, decateime de que na actualidade a situación parece non ter mellorado, especialmente no que se refire ao ensino do idioma estranxeiro; os tradicionais student's book e workbook seguen a ser os principais recursos de ensinanza e o alumnado quéixase continuamente da falta de estruturación dos contidos. Que está a fallar?

Creo que nós como futuros docentes, debemos recoller o máis importante da teoría e pasar canto antes á práctica; dar ese salto das ideas aos feitos reais. Considero ademais que a nosa misión como nova xeración de profesores e profesoras é a de mellorar o sistema actual. Se ben é certo que as programacións non chegan a implementarse, parece que o problema non radica na programación en si mesma, senón nunha mala organización ou xestión da aula por parte do profesorado.

Probablemente parte da problemática resida no feito de que as programacións deberían ser máis concretas, traballando os contidos ou actividades que resulten realmente de interese para o alumnado, mais nos meus anos académicos comprobei que en moitos casos a non consecución dos obxectivos didácticos debíase principalmente a unha mala produtividade na aula e a perda de tempo con aspectos máis irrelevantes.

En definitiva, creo que urxe unha Nova Era de profesorado preparado, cunha maior motivación e cunha capacidade de adaptación ao cambio de circunstancias, co fin de conseguir unha mellora educativa real e sostible.





DOSIER TEMA 6 - ANÁLISE DUNHA PROGRAMACIÓN DIDÁCTICA

A actividade realizada no tema 6 da materia consistiu no análise dunha Programación Didáctica dun centro real empregando a rúbrica de avaliación das programacións nas oposicións de Educación Secundaria. No grupo 2 traballamos estes aspectos durante 1 sesión e media e realmente permitiunos ver dun xeito práctico aquilo que deberemos enfrontar cando chegue o momento de crear as nosas propias programacións e unidades didácticas e sometelas á valoración do tribunal.

En primeiro lugar, realizamos un traballo autónomo en parellas (no noso caso éramos 3) previamente á sesión co docente. Eliximos a programación didáctica da Primeira Lingua Estranxeira (Inglés) de 4º de ESO do centro IES Santa Irene, centro amplamente coñecido na cidade olívica. 

En xeral, consideramos que a programación seguía os estándares establecidos na rúbrica, máis había moitos elementos a mellorar e finalmente a nota non acabou sendo moi alta. A continuación, podedes consultar a análise detallada que fixemos nesta presentación:



Unha vez realizado este traballo previo, xa na aula compartimos co resto de compañeiros/-as a nosa análise, explicando a nota dada en cada apartado da programación, xustificando e argumentando dita nota en base aos criterios da rúbrica.

Considero que o feito de que nós como alumnado e futuros candidatos e candidatas ás oposicións asumíramos o rol avaliador do tribunal permitiunos pasar por un momento da teoría á práctica e puidemos comprobar nós mesmas o nivel de esixencia dos tribunais.

Ademais, o feito de traballar con programacións reais pareceume de grande interese posto que puidemos ver a realidade educativa que se vive na actualidade nos centros, comprobando así que entre as ideas e os feitos pérdense algúns elementos de camiño e que se ben existen rúbricas para as oposicións, unha vez pasado este proceso, na práctica docente non sempre se implementan acorde a estes criterios previamente establecidos.

En definitiva, resultou unha tarefa moi interesante tanto dende a nosa perpectiva estudantil coma para a nosa futura carreira docente.

miércoles, 18 de diciembre de 2019

PRESENTACIÓN - MODELO DE CLASE SOBRE ESTEREOTIPOS

Ola a tod@s!

A continuación déixovos a miña presentación para a materia de As Linguas Estranxeira no Contexto Nacional e Internacional que realicei no grupo 2 con Carla. Eu centreime nas competencias do MCER e moi concretamente nas competencias interculturais dun xeito práctico: o deseño dun modelo de clase coa temática dos estereotipos. Na presentación atoparedes unha xustificación teórica da mesma, a contextualización das actividades a realizar na aula atendendo ao Currículo e as miñas conclusións e valoracións persoais dende a miña experiencia e perspectiva docente. 

Espero que vos resulte interesante.

Apertas!

miércoles, 11 de diciembre de 2019

DIARIO TEMA 5. COMPARATIVA XERAL ENTRE A LOE E A LOMCE.

Nas sesións da materia en relación ao Tema 5 falamos do deseño curricular e en consecuencia, analizamos brevemente as modificacións que se realizaron coa posta en marcha da LOMCE así como as repercusións que algunhas das súas medidas supoñeron para o sistema educativo. Nalgunhas das actividades que realizamos na aula mencionamos que a LOMCE foi moi criticada por considerarse unha lei centralista e intervencionista. Na presente entrada faremos unha extensión desa crítica mediante unha comparativa entre a LOMCE e a lei precedente, a LOE, atendendo ao redactado nos preámbulos de cada unha delas e cuxas ligazóns aparecen a continuación.


Ambas leis coinciden na vontade manifesta de mellorar a calidade da educación e de buscar a converxencia cos países máis avanzados, especialmente aos que pertencen á Unión Europea. Ademais, ambas aluden como medios máis idóneos para conseguir estes obxectivos a autonomía dos centros e a avaliación externa, aínda que as medidas específicas que propón cada lei resultan opostas nalgúns casos. 

No que se refire concretamente ás diferencias, atopamos que a LOE pretende darlle importancia á atención á diversidade co fin de que a totalidade do alumnado poida conseguir o éxito escolar e insiste na conciliación da calidade da educación coa equidade da mesma. Pola súa banda, a LOMCE afirma que a natureza do talento difire dun estudante a outro, polo que a misión do sistema educativo é recoñecer estes talentos e potencialos. 

A LOE propón un sistema educativo flexible que facilite a aprendizaxe ao longo da vida baseándose no principio da educación común e con conexións entre os distintos tipos de ensinanzas e formacións. Trátase dun modelo de tronco único, con diversidade nas vías internas e camiños de ida e volta. Polo contrario, a LOMCE propón un abanico de opcións diverxentes que dirixe ao alumnado en función das súas capacidades. Trátase dun modelo máis ramificado que separa ao alumnado mediante un sistema de avaliacións externas máis diferenciadas e non se establece claramente a súa reversibilidade. De feito, tal como mencionamos nas sesións, este tipo de avaliacións externas non tiveron ningún tipo de apoio por parte das institucións e da sociedade en xeral polo que na actualidade elimináronse.

A LOE promove a dimensión social e moral da educación, resaltando os principios de equidade, inclusión, cohesión social e exercicio da cidadanía democrática. A LOMCE, en termos xerais pón énfase na competitividade, a mobilidade social, a integración e empregabilidade, sen explicitar as formas de consecución da equidade educativa. 

En definitiva, o preámbulo da LOE parece ser máis preciso e responde ás necesidades dun sistema educativo inclusivo. Porén, o preámbulo da LOMCE resulta ser máis xeral e elusivo, seguindo ideoloxías máis individualistas. 

Para rematar, cómpre dicir que urxe o establecemento dun modelo educativo estable que responda ás necesidades presentes na sociedade actual. Para que isto suceda, precisamos que as forzas políticas cheguen a acordos sobre propostas de mellora que supoñan un desenvolvemento real do sistema educativo español.

DOSIER TEMA 5 - DESEÑO CURRICULAR E A LOMCE

O tema 5 foi para nós unha forma de afianzar os coñecementos previamente adquiridos na materia de Deseño Curricular. As dúas sesións e media nas que traballamos este tema combinaron aspectos teóricos e tarefas máis prácticas, algunhas das cales presentaremos a continuación nesta entrada.

A primeira actividade estaba orientada a avaliar o noso coñecemento previo sobre a materia. Mediante unha técnica piramidal respondimos primeiro por parellas, logo en grupos de 4 e finalmente en grupos de 8 ás seguintes preguntas:

Que é o currículo?

Cales son os elementos dos currículo?

Competencias básicas do currículo?

Grados de concreción curricular?

Esta técnica de traballo cooperativo piramidal paréceme moi interesante posto que ameniza e axiliza a adquisición de conceptos teóricos e permite que o alumnado poida falar entre si e traballar en equipo.

Ao rematar dita tarefa, fixemos un cuestionario individual de Kahoot! sobre as funcións dos grados de concreción curricular. Nunca traballara con esta ferramenta e a verdade é que me parece unha forma moi amena de presentar os contidos teóricos. De feito, tratarei de empregala nas miñas propias clases se teño a oportunidade e os recursos necesarios.

Outra actividade que realizamos na seguinte sesión foi a procura de información en grupos sobre as linguas estranxeiras no currículo da Eso, Bacharelato e da Formación Profesional. Primeiro, o profesor compartiu os puntos clave do tema mediante Google Drive, onde por grupos debiamos recoller a información coa axuda dos comentarios do docente sobre as nosas achegas no mesmo Drive. Finalmente, plasmamos estes datos nunha presentación grupal coa súa correspondente exposición. Nesta actividade en concreto resultou un pouco difícil establecer as pautas de xeito grupal e ao inicio tivemos que traballar a comunicación dentro do grupo para mellorar a eficiencia. Unha vez conseguimos este obxectivo a tarefa realizouse sen maior problema.

A continuación déixovos a nosa presentación sobre a LOMCE que traballamos por grupos na clase (GRUPO 2). No noso caso, tivemos que investigar sobre os seguintes aspectos:
  • Características xerais da avaliación na ESO
  • Obxectivos xerais do Bacharelato
  • Principios metodolóxicos xerais do Bacharelato.
Por último, na nosa presentación tamén incluimos unha breve reflexión sobre a tarefa realizada na clase, prestando atención aos seguintes aspectos:
  • Obxectivos
  • Contidos
  • Criterios de avaliación
  • Competencias do currículo mobilizadas
  • Metodoloxía didáctica empregada

Na seguinte sesión volvemos empregar o Kahoot, esta vez de xeito grupal para tratar o tema da distribución de competencias das linguas estranxeiras no currículo.

Finalmente, tratamos o tema das linguas estranxeiras nas Escolas Oficiais de Idiomas repetindo a actividade do Google Drive, isto é, recollendo nun documento conxunto a información relativa á diapositiva que nos correspondía, visualizando e comentando o resultado conxunto ao final da sesión.

En definitiva, o xeito de tratar os contidos teóricos mediante o uso das TIC, traballando de forma grupal e en ocasións tamén individual deulle ás sesións moito dinamismo. Facer que o alumnado realice presentacións sobre os contidos tamén aumenta a versatilidade das sesións e fainas máis amenas.

martes, 10 de diciembre de 2019

TEMA 3. AS INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS. ALTE E A IMPORTANCIA DO PLURILINGÜISMO.

No ensino de linguas estranxeiras existen unha serie de institucións internacionais que traballan no proceso de ensinanza-aprendizaxe e máis concretamente na certificación de ditas linguas. Algunhas das institucións máis importantes as exporemos a continuación xunto cos enlaces das súas páxinas web oficiais correspondentes:


Nesta entrada imos centrarnos na primeira das anteriores; ALTE, e máis particularmente falaremos da definición que dita asociación fai do concepto de plurilingüismo, posto que consideramos que resulta esencial coñecer este termo e as súas implicacións de cara á docencia dunha lingua estranxeira.

ALTE é a Asociación de Examinadores de Linguas en Europa e o seu principal obxectivo é o de promover unha avaliación ecuánime e precisa da competencia lingüística en Europa e outros continentes. Fundouse no ano 1989 coa implicación da University of Cambridge e a Universidade de Salamanca e a súa misión é a de establecer estándares, apoiar a diversidade lingüística e maximizar o impacto positivo dos exames de certificación. Entre as actividades que desenvolve atopamos cursos de formación, foros e conferencias anuais. Ademais, na súa páxina web atopamos un recurso moi interesante que leva coma título: What is pluricultural assessment? sobre o que nos centraremos na presente entrada deste blog.

O plurilingüismo é un aspecto ao que tamén se fai referencia nas competencias do MCER, entendendo este como as capacidades que permiten a un aprendiz dunha ou varias linguas estranxeiras cambiar dunha lingua ou variedade a outra mediante a comprensión do contexto, a cultura, o uso de recursos paralingüísticos e a apreciación da relación entre as diferentes linguas. Todos estes aspectos resultan fundamentais no momento da aprendizaxe e polo tanto, os futuros docentes debemos saber apreciar a competencia comunicativa do alumnado en base ao enfoque plurilingüe; isto é, valorar como o estudantado se nutre de todas as experiencias e coñecementos lingüísticos da súa primeira lingua e doutras segundas linguas así como a interacción desas linguas entre si. Soamente así, o alumnado será quen de percorrer toda a súa bagaxe lingüística para dar sentido a un feito comunicativo na segunda lingua.

Dende esta perspectiva, a ensinanza-aprendizaxe da lingua ten un propósito maior cá do mero dominio lingüístico, cuxo modelo é ese "falante nativo ideal". O obxectivo é que o alumnado desenvolva un repertorio lingüístico onde exercite todas as destrezas lingüísticas.

Trasladar estas ideas ao campo da docencia implica que se establezan relacións entre as formas de proceder e a forma de comunicarse do aprendiz. Entendemos así que o alumnado plurinlingüe non só traballa as súas habilidades lingüísticas senón que ademais traballa a competencia intercultural. Deste xeito, ese ideal de falante nativo substitúese polo falante plurilingüe e intercultural, que é capaz de realizar tarefas e actividades e solventar diferentes problemáticas a través da interpretación e da tradución. Neste sentido, a linguaxe non verbal tamén xogaría un papel fundamental, isto é, a interpretación dos xestos, que tamén forman parte desa competencia intercultural.

Esta concepción evidencia unha clara necesidade de recoller nas propostas curriculares a competencia plurilingüe e pluricultural. Ademais, o Marco Común Europeo de Referencia propón a utilización do Portafolio Europeo das Linguas, fomentando que os aprendices poidan rexistrar as experiencias de aprendizaxe noutras linguas e documenten o seu progreso nesa competencia plurilingüe.

Dende a miña perspectiva persoal, os docentes de linguas estranxeiras debemos promover esta aprendizaxe plurilingüe, en primeiro lugar ampliando a nosa propia formación ao respecto co fin de integrar nas nosas clases estratexias de ensino que favorezan o desenvolvemento das citadas competencias e capacidades. Xa o dicía Carlomagno, emperador do Sacro Imperio Romano: "Ter unha segunda lingua é ter unha segunda alma". Nese sentido, os docentes non nativos contamos cunha vantaxe moi importante que é que podemos explicar a lingua estranxeira en base á nosa lingua nativa, o que nos permite establecer unhas estruturas e métodos de ensinanza en relación á lingua nai, podendo así facilitar o proceso de aprendizaxe do alumnado, que aprenderá mediante a correspondencia de termos, ideas e conceptos dende a súa propia lingua á lingua estranxeira.

En definitiva, para que todo isto pase da teoría á práctica educativa real é preciso a implicación das institucións mediante a diversificación da oferta de linguas e tamén que a práctica educativa docente fomente a interdisciplinariedade e a interacción de competencias.

Para pechar esta entrada, gustaríame compartir este vídeo da científica Lera Boroditsky que vén a falar de cómo as linguas poden moldear a nosa forma de pensar. Según Boroditsky a diversidade lingüística é esencial posto que nos revela o inxeniosa e flexible que é a mente humana, "quen de inventar non só un, senón 7000 universos cognitivos".