No primeiro tema da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras tratamos algúns aspectos teóricos moi interesantes por medio de distintas actividades prácticas realizadas de xeito colaborativo.
Primeiro, establecimos as diferenzas entre a lingua inicial, a segunda lingua e a lingua estranxeira.
Lingua inicial: aquela que adquirimos antes da nosa etapa escolar de maneira insconsciente.
Segunda lingua: aquela que adquirimos despois da lingua inicial debido a diferentes motivos (lingua da escola, lingua de ensinanza, lingua administrativa)
Lingua extranxeira: aquela que adquirimos só no ámbito escolar ou nun ámbito moi concreto dun xeito consciente e cun obxectivo específico.
Por outra parte, tamén diferenciamos os contextos de uso da lingua (habitual, de traballo e vehicular)
Lingua habitual: aquela empregada polo falante na maioría dos contextos comunicativos. Se a persoa tivese dúas linguas habituais consideraríamola bilingüe.
Lingua de traballo: empregada nos contextos laborais por empresas multinacionais ou organismos como medio de comunicación.
Lingua vehicular: aquela empregada polos falantes de diferentes linguas para comunicarse entre si.
Unha vez comprendidos estes conceptos, na clase traballamos en grupos de 5 persoas, realizando un Diagrama de Venn. Esta actividade ou xeito de presentar a información era descoñecido para a maioría de nós e resultou ser moi interesante e unha posible proposta de clase para o noso futuro alumnado. Este diagrama está comprendido por dous círculos ou máis (dependendo dos elementos) que solápanse creando unha área común. Neste caso os elementos do diagrama eran a lingua estranxeira e a lingua inicial. Tivemos que pensar nos contextos e aprendizaxes de uso de cada unha e introducilos no diagrama para así poder apreciar de forma visual as diferenzas e as semellanzas de ambas linguas. Este foi o diagrama do noso grupo:
A segunda actividade que fixemos, no mesmo grupo de 5, consistiu en facer un placemat (tamén unha tarefa nova para a maioría pero moi interesante) respondendo cada grupo a dúas destas oito preguntas que se compatiron a continuación co resto da clase:
-Na UE fálanse máis de 40 linguas distintas. Fálanse todas no parlamento?
-Na Ue fálanse máis de 40 linguas distintas. Usa todas a Comisión Europea?
-Inditex ten 6913 tendas nos 5 continentes. Que lingua usa cos clientes? En que linguas se comunicas as tendas coa central de Arteixo?
-Citroën ten 13 fábricas en 7 países diferentes. En que linguas se comunican os responsables das fábricas entre si?
-Pedro é da Coruña e traballa no Zara de Marineda City. Aprendeu a falar en castelán. Que lingua falará cun cliente que lle fale galego? E cun cliente que lle fale inglés?
-Unha profesora castelanfalante de historia nun centro de ensino público, en que lingua dará as súas aulas?
-Un grupo de erasmus de 5 países europeos diferentes saen de festa e teñen que decidir o local onde van ir tomar a primeira copa. Que lingua van usar?
-Nunha feira de tecnoloxía dixital reúnense comerciais de 6 compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e España. En que lingua falarán entre si?
Como se pode observar na fotografía da nosa proposta, o placemat consiste en debuxar un recadro co tema, ou a pregunta, coma neste caso, e establécese un oco para que cada integrante do grupo responda individualmente sen influír na idea dos demais.

Nas últimas sesións realizamos dúas actividades máis. A primeira consistiu en aportar o noso repertorio lingüístico persoal para despois, en pirámide compartilo co resto da clase. Isto resultou interesante e sorprendente posto que nos permitiu ver a gran variedade de posibilidades lingüísticas que pode haber nun contexto concreto.
A segunda actividade consistiu en formar grupos de 5 e cada membro debía analizar un elemento dunha unidade didáctica. Os elementos a analizar eran: léxico, produción, recepción, fonética e entoación. Cada membro analizaba as distintas actividades dentro do seu elemento para despois compartilo co seu grupo. Despois, empregando a técnica do crebacabezas, os "especialistas" sobre cada elemento reuníanse para ver outras apreciacións e finalmente compartíanse as conclusións extraídas con todo o grupo aula. Este xeito de traballar os contidos resulta especialmente interesante e dinámico, posto que permite entrar en contacto con outros compañeiros e compañeiras de clase cos que non adoitas traballar. Como conclusións para a actividade, todos e todas puidemos apreciar como os contidos e a estruturación das unidades didácticas prácticamente non cambiaron con respecto a cando nós estudiabamos na escola e que os libros seguen a ser moi pouco dinámicos e atractivos para os ollos do alumnado. Ademais, todos concordamos en que os manuais deben servir como complemento ou guía pero nunca como elemento único e principal da ensinanza.
Así, todas as actividades realizadas durante este primeiro tema da unidade leváronme a reflexionar sobre o concepto de plurilingüismo na ensinanza e da importancia que este ten para o desenvolvemento das capacidades e das concepcións do alumnado. Particularmente en Galicia, onde existen dúas linguas cooficiais máis unha ou dúas linguas estranxeiras no contexto escolar, esta idea de plurilingüismo mal implementado pode levar á perda e ao rexeitamento do galego por parte das familias, o entorno académico e en definitiva a sociedade galega. Esta parece dar prioridade ás linguas estranxeiras (especialmente o inglés) dado que atende ás necesidades do mercado, nun mundo cada vez máis globalizado. Así, as linguas minoritarias poden verse moi afectadas neste contexto social e as comunidades poden sufrir unha terrible perda identitaria e cultural.

No meu caso concreto, como futura docente, resulta cando menos complicado falar de transmisión da cultura popular, tendo en conta que a miña área científica é a Lingua Estranxeira (Inglés); lingua que precisamente forma parte desa cultura dominante que representa o inglés. Dende a miña experiencia como estudante e docente en Galicia, considero que na maioría dos casos, o profesorado que non pertence á area específica de Lingua Galega, esquece relacionar os contidos e as actividades da materia coa cultura propia minoritaria. Isto acontece en primeiro lugar, porque os docentes tamén estamos influenciados polas culturas hexemónicas e en segundo lugar, pola falta de interdisciplinariedade entre as distintas áreas. Esta considérase parte fundamental do currículo educativo vixente, mais na práctica aínda amosa grandes deficiencias. Por tanto, creo que nos centros deberían levarse a cabo proxectos colectivos onde todas ou varias linguas estean representadas igualmente, permitindo por exemplo por ao galego ao nivel doutras linguas como o castelán, o inglés ou o francés. Así, un proxecto interesante que cómpre mencionar e que exemplifica á perfección un modelo de ensinanza que respecta e favorece ao patrimonio cultural propio é o de Ponte... nas ondas!, asociación cultural e pedagóxica cuxo compromiso é o de traballar na recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses. Proxectos desde tipo, tamén involucrando a outras linguas estranxeiras suporían un verdadeiro paso adiante.
Non obstante, todo este ideal plurilingüe non ocorrerá sen o interese e colaboración de tódolos axentes implicados na educación (empezando polo goberno) que deben buscar crear actividades prácticas ou experiencias interesantes e motivadoras que sobrepasen os límites do teórico, ocasional ou anecdótico e que supoñan un cambio realmente transcendental na visión dos rapaces e rapazas das xeracións do futuro.




