Nas sesións da materia en relación ao Tema 5 falamos do deseño curricular e en consecuencia, analizamos brevemente as modificacións que se realizaron coa posta en marcha da LOMCE así como as repercusións que algunhas das súas medidas supoñeron para o sistema educativo. Nalgunhas das actividades que realizamos na aula mencionamos que a LOMCE foi moi criticada por considerarse unha lei centralista e intervencionista. Na presente entrada faremos unha extensión desa crítica mediante unha comparativa entre a LOMCE e a lei precedente, a LOE, atendendo ao redactado nos preámbulos de cada unha delas e cuxas ligazóns aparecen a continuación.
--> Preámbulo LOMCE
--> Preámbulo LOE
Ambas leis coinciden na vontade manifesta de mellorar a calidade da educación e de buscar a converxencia cos países máis avanzados, especialmente aos que pertencen á Unión Europea. Ademais, ambas aluden como medios máis idóneos para conseguir estes obxectivos a autonomía dos centros e a avaliación externa, aínda que as medidas específicas que propón cada lei resultan opostas nalgúns casos.
No que se refire concretamente ás diferencias, atopamos que a LOE pretende darlle importancia á atención á diversidade co fin de que a totalidade do alumnado poida conseguir o éxito escolar e insiste na conciliación da calidade da educación coa equidade da mesma. Pola súa banda, a LOMCE afirma que a natureza do talento difire dun estudante a outro, polo que a misión do sistema educativo é recoñecer estes talentos e potencialos.
A LOE propón un sistema educativo flexible que facilite a aprendizaxe ao longo da vida baseándose no principio da educación común e con conexións entre os distintos tipos de ensinanzas e formacións. Trátase dun modelo de tronco único, con diversidade nas vías internas e camiños de ida e volta. Polo contrario, a LOMCE propón un abanico de opcións diverxentes que dirixe ao alumnado en función das súas capacidades. Trátase dun modelo máis ramificado que separa ao alumnado mediante un sistema de avaliacións externas máis diferenciadas e non se establece claramente a súa reversibilidade. De feito, tal como mencionamos nas sesións, este tipo de avaliacións externas non tiveron ningún tipo de apoio por parte das institucións e da sociedade en xeral polo que na actualidade elimináronse.
A LOE promove a dimensión social e moral da educación, resaltando os principios de equidade, inclusión, cohesión social e exercicio da cidadanía democrática. A LOMCE, en termos xerais pón énfase na competitividade, a mobilidade social, a integración e empregabilidade, sen explicitar as formas de consecución da equidade educativa.
En definitiva, o preámbulo da LOE parece ser máis preciso e responde ás necesidades dun sistema educativo inclusivo. Porén, o preámbulo da LOMCE resulta ser máis xeral e elusivo, seguindo ideoloxías máis individualistas.
Para rematar, cómpre dicir que urxe o establecemento dun modelo educativo estable que responda ás necesidades presentes na sociedade actual. Para que isto suceda, precisamos que as forzas políticas cheguen a acordos sobre propostas de mellora que supoñan un desenvolvemento real do sistema educativo español.
Ola Tania!
ResponderEliminarParabéns pola túa entrada! Coincido totalmente contigo na comparación que fas dos preámbulos destas dúas leis educativas. Na miña opinión, a LOMCE segue en xeral os pasos marcados pola LOE, só que engade aspectos marcadamente mercantilistas e elitistas que caracterizan ó partido político que a promoveu, xa que a modificación que propón asemellase bastante a un filtro que ten como finalidade alentar unicamente ó alumnado que exceda academicamente, e polo tanto que poida converterse nunha boa ferramenta para o avance económico do país. En realidade, na miña opinión, trátase dunha lei que responde máis á vanidade do goberno de turno que á necesidade real que existe de conseguir dunha vez unha lei creada có apoio e consenso da comunidade educativa. Isto non quere dicir que, estea eu máis o menos de acordo con unha ou outra lei, non crea que todos os gobernos fan o mesmo sen ter en conta a quen danan con este baile constante de leis e modificacións. A conclusión á que normalmente chego, e que os gobernos non deberían ter máis que un mínimo de poder de intervención cando se trata de chegar a acordos de tipo educativo, xa que ata agora están demostrando ser bastante egoístas e incapaces.
Un saúdo e feliz 2020!